un proxecto de integración e adopción de lingua

Amosando publicacións coa etiqueta galicia. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta galicia. Amosar todas as publicacións

domingo, 29 de novembro de 2015

"Queremos falar e estudiar a nosa lingua, un parlamento, e unha autonomía, como en Galicia"


Omer Seven chegou a Madrid no 2005. No 2011 abriu o seu propio restaurante kebab na rúa de A Gaiteira, na Coruña. Omer é kurdo, de Bingol. E non pode pechar a boca e calar as inxustizas que está a sufrir o seu pobo. "Os kurdos somos a maior poboación do mundo sen Estado", salienta. Efectivamente é así. Calcúlase que hai 50 millóns de kurdos no mundo, 23 millóns deles en Turquía, 13 millóns en Irán, 8 millóns en Irak, 3 millóns en Siria... Omer segue a actualidade nos medios de comunicación aínda que a maioría están moi manipulados, di, mentres me ensina fotografías do seu muro de facebook nas que denuncia a persecución que sofre a gran minoría kurda. Como esta imaxe dunha pintada que di: "Se es turco enorgullécete e se non o es obedece"



O barrio de Omer en Bingol
Di Omer que  non entende que no século XXI, sexa posible visitar outras galaxias pero non garantir os dereitos fundamentais das persoas como ocurre co pobo kurdo. "¿Por qué non entras en política e traballas polo teu pobo?", pregunto abraiada polo nivel de denuncia e activismo que contén o seu discurso. "Mataríanme," responde, "non teño pelos na lingua".

Omer Seven facendo pan
(ekmek en turco, nan en kurdo)
A pesares de que só foi cinco anos á escola, os anos de ensinanza obrigatoria (dos 7 aos 12 anos), é un home que coñece e reivindica a súa historia. Aínda que o 99% dos compañeiros da súa escola eran kurdos, estaba prohibido falar a lingua, nin sequera polo baixo, xa que falala supuña castigo físico. A súa avoa non sabía falar turco e el era o seu tradutor cando a levaba ao médico. Di que mesmo había médicos de extrema dereita que non querían atender aos kurdos. En tan só dúas xeracións, en 20 anos, se non se estuda o kurdo nas escolas públicas, o seu idioma desaparecerá, advirte. O réxime turco, a base de prohibilo, acadou o que quixo: os nenos pequenos xa non saben falar kurdo.

Omer  Seven está contento a nivel persoal na Coruña, aínda que a crise está a dificultar o seu negocio. Aínda que entende galego, non o fala moito porque os coruñeses non o falan. "Estiven uns meses en Santiago e alí si que estaba aprendendo e usando o galego", di. No seu kebab serve a típica carne asada kurda, con ou sen pan, e acompañada doutros produtos típicos kurdos, como por exemplo o dew ou iogur para beber e a baklava, de postre. 
O kebab de Omer na Coruña

Se alguén quere comer kurdo na Coruña ou na súa casa, posto que tamén serven a domicilio, poden achegarse ao Mezopotamya Kebab na rúa da Gateira, 50, de A Coruña. O teléfono de pedidos é o 881 92 66 69.